viernes, 8 de julio de 2011

Artículo del Correo Gallego

http://www.elcorreogallego.es/tendencias/ecg/carolinas-monaco/idEdicion-2011-07-08/idNoticia-684919/


Que rebumbio nupcial estes días atrás en Mónaco. A verdade é que todos consumimos mitos mediáticos sentimentais, como dicía o vello Maurice Duverger, e un ten que confesar que é dos que se espirriquitan pola materia monegasca, que vén dando altezas serenísimas que, coma Carolina (de Mónaco), un supoñer, moito teñen excitado a serenidade de non poucos varóns e algunhas féminas. Sexan Carolinas, Carlotas ou Charlenes o certo é que todas elas teñen un je ne sais quoi. Pero non todas están en nómina e en crónica coa debida presencia proporcional ao mérito. Por exemplo entre as Carolinas, clama ao ceo o silencio ao que está condenada a nosa Carolina (Otero), que foi a muller que fixo máis feliz ao príncipe Alberto I de Mónaco, que vén sendo bisavó do príncipe Rainiero o pai de Alberto II, como sabe calquera cidadán un chisco culto.
O que pasa é que neste país somos moi pouco patrióxinos, ou sexa non presumimos nada das nosas (poucas) mulleres mundanas e globais. O romance de Alberto I de Mónaco e Carolina de Valga merece ser repristinado na glamourosa novelería monegasca do corazón e o colchón. Ela redimiuno dun matrimonio insípido, ilustrouno na ciencia ovidiana do amor, e acabou chamándolle "mon Albert". Ou mesmo "meu Albertiño" nas penumbras da intimidade, porque a nosa "divina" (José Martí) de vez en cando metía frases en galego polo medio do seu francés, como tiña observado a súa amiga Colette. (Outro tema para estudosos vindeiros: a amizade entre a nosa danzarina e a escritora francesa). Alberto I e Carolina viviron unha relación de reprocidades harmónicas: ela meteuno na cama e el meteuna no casino (de Montecarlo), e se cadra meteulle tamén un algo de afección pola oceanografía, que foi a segunda paixón deste príncipe navegante. Pero de todo o relacionado co mar e as navegacións Carolina só tiña interese polos iates.
Xa cumpríu un século aquel amor principesco da nosa danzatriz, que tivo moitos outros amores (pero non namoramentos), aínda que non moitos máis que aqueloutra actriz que chegou a ser princesa de Mónaco, Grace Kelly, de quen Zsa Zsa Gabor dixo que "tiña máis noivos nun mes ca min en toda a vida". Xa pasaron cen anos daquel romance do que puido ter saído unha (outra) princesa de Mónaco, pero non saíu porque o definitivo amor de Carolina foi o casino.

No hay comentarios:

Publicar un comentario